O Refuxio

Un ano. 365 días sen ti, avoa.

Un ano. 365 días sen ti, avoa. Xornadas nas que, a diario, te boto en falta. E non imaxinas canto. Eras todo para min. Por suposto, o motor fundamental desta empresa, á que tanto adicaches. Pero moito máis. Tamén o motor da miña vida, a que me daba folgos cando máis o precisaba. A que me acougaba. A que me aliviaba. A que me impulsaba. Loitadora exemplar, ama de casa, amiga, nai, avoa. Todo. Todo o eras ti. Todo o es ti. Porque faltaches pero nunca te fuches. As túas ensinanzas quedaron en cada un de nós. De todas elas, unha sobre todas: a capacidade de non ter rencor, a nada nin ninguén. De amar, por encima de todo. Quérote. Cada día. Por sempre. Sigamos o seu consello: busquemos ser felices.

Hoxe cumpre anos a irmá que sempre agradecerei ter

Hoxe é o seu día. Cumpre anos miña irmá. Unha irmá que sempre agradecerei ter e que se merece que os seus días sexan todos de ledicia. Sempre estivo comigo. Pero foi nos momentos máis difíciles nos que se converteu no apoio que máis precisaba, na fortaleza que ás veces me faltaba e nas risas que tanto ben me fixeron. Os nosos comezos na hostelería fixeron que nos uniramos aínda máis. A ela sempre lle gustou e, por exemplo, hoxe axudarame a servir o catering para unha boda. Parece que o levamos no sangue! De feito, a transformación da antiga taberna no restaurante que hoxe é O Refuxio non sería posible sen ela. Como non o serían centos de proxectos aos que dixen si cando pensaba que non sería capaz. Por todo isto, por moito máis, por ser ti… por ter a sorte de terte, QUÉROTE IRMÁ!

Hoxe cumpre anos a persoa da miña vida

Hoxe está de cumpreanos a persoa da miña vida. O meu home, Álvaro. Tódalas palabras que poida dedicarlle fanse poucas. Todos sabedes do seu enorme apoio. Da súa axuda, constante, incondicional. Sempre. Cada día. Por iso, hoxe máis que nunca quero darlle as GRAZAS. Así, en maiúsculas. Porque aínda que llas dese a cada segundo serían ben poucas para as que el merece. Tivemos que superar algúns obstáculos. Certo é. Non foron poucos. Pero aquí estamos. Xuntos e namorados. Non só é a mellor parella senón que tamén é un gran amigo. Deses que un sempre agradece ter preto. Bo pai, por suposto, chega con ver o sorriso dos nosos pequenos. Pero resulta que tamén é bo cociñeiro, si si, chego cansada á casa e véxoo a el, preparando un dos seus pratos máis persoais para toda a familia. E logo digo que a cociñeira son eu! Non cambio unha receta das súas por ningunha das miñas! “Papá” (encántame chamarte así), hoxe é o teu día. Un día para celebrar que temos a sorte de pasalo xuntos e poder pedir que sexa así por moitos anos. Sabes que te amo e que o meu agradecemento sempre te ten a ti como primeiro destinatario. FELIZ DÍA!

Pablo cumpre dez anos: quen me ía dicir que chegaría a velo!

Hoxe é o cumple de Pablo. Dez anos xa. Como corre esta vida! Doume conta a diario e, tamén, a diario dou as grazas. As grazas á vida por permitirme, cada día, disfrutar da miña familia. Pablo é o meu primeiro amoriño. O meu neno. Que chegou cando máis o precisaba para demostrarme que a vida me daba un novo impulso, aínda que naquel momentos as dificultades eran moitas. Estabamos sen pelo, si. Pero non sen ánimo. E pronto chegaría o seu irmán, para colmarnos de ledicia. Quen me ía dicir que ía chegar a este momento! A poder celebrar os dez anos do meu pequeno! Son sincera e digo que algo, no meu interior, me dicía que podería disfrutar á miña familiar. Pero xa sabedes, ás veces os medos tamén nos acompañan. Con todo isto quero dicir algo: disfrutade a todos os vosos a cada minuto. Non importa o día que sexa. O que importa é que estades xuntos. Felicidades cariño! E felicidades a todos os que, cada mañá, loitades un pouquiño máis! Grazas por lerme!

Disfruta da túa mamá, botarala de menos

Volvo estar feliz de redactar unha nova entrada neste blog, nacido para, dende a total humildade, comentarvos que pequenas cousas me fan feliz a min. Se consigo sacarvos tamén a vós un sorriso, doume máis que por satisfeita.

Agora que celebramos o día da nai, sei que non teño a gran sorte de poder ter á miña presente. Pero si teño a gran sorte de tela no meu corazón e de levala comigo. Polo tanto, disfruta de toda a familia pero sobre todo da túa “mamá”. Na maior parte dos casos, como di o dito, só hai unha. Hai casos, coma o meu, no que tamén as avoas se converten en nais. Hoxe tampouco me acompaña pero sei que dende onde están, velan por min e me aman.

Teño a gran sorte, ademais, de ter outra mamá na terra: Celsa. É unha persoa que sempre está aí, sempre. Esta vida é unha auténtica marabilla, recordo aos meus con grande alegría e, sobre todo, nestes momentos especias.

O meu desexo: disfruta a túa nai cando che bote un berro, cando vaiades de compras, cando fagas algo mal, cando te oriente… algún día, todo isto botaralo de menos.

Grazas por leerme. Sede sempre felices.

Dáseme o gusto de cumprir un ano máis: hoxe conto 36

Estou de cumpreanos. Tódolos días son para min especiais. É algo que aprendín pouco a pouco. A valorar cada un deles como o que é, único. Pero hoxe é un pouquiño máis especial. Hoxe cumpro anos: 36. Dáseme o gusto dun ano máis e quero dar as grazas. A cada un dos anxos que, dende o ceo, miran por min. Que me protexen. E tamén á vida, por darme días de ledicia cos meus. Cos meus nenos, que son o máis importante que teño. Co meu home, con miña irmá, con cada un dos que me rodea… Gracias mamá estou moi orgullosa de sair de ti. Amote. Quero aproveitar para animarvos a todos, os que estades pasando ou pasastes algún momento delicado. O máis importante é a saúde e debemos evitar preocuparnos por asuntos que moitas veces semellan grandes e son ben pequeniños. O que importa é vivir e disfrutar dos que nos rodean. E iso, como cada día, é o que vou facer hoxe.   Grazas por estar preto.

Que vivan as mulleres!

Que vivan as mulleres. As que teñen fillos. As que non os teñen. As que os perederon. As ordenadas. As desordenadas. As atrevidas. As reservadas. As que se preocupan polos que teñen preto. Que vivan. Que vivan as que un día marcharon. E as que nunca se foron. Que vivan as que superaron obstáculos. E as que tiveron a sorte de non atopalos. Que vivan. Que vivan. Que disfruten do día a día. Que sexan felices. Que axuden a quen poidan. Que sexan elas. Hoxe e sempre   Vivamos todas!

Nove anos dun soño feito realidade: grazas, Silleda

Grazas, grazas e grazas. A todo o pobo de Silleda. A cada un dos que pasastes por O Refuxio ao longo de todo este tempo. O que comezou tan só como unha idea divertida, unha intención de abrir unha cervexería, fixo que o noso apego á localidade se fixese moi pero que moi especial. Acolléronnos do mellor xeito posible e, despois de nove anos, teño grandes amigos e moita ilusión por seguir adiante. O día de mañá, quererei dicirme a min mesma e a todos os meus que o logrei, que o meu soño de adolescente se fixo realidade. É un gran reto pero tamén unha gran satisfacción persoal e profesional, especialmente nestes tempos difíciles.

img-20170303-wa0006

Necesito darlle especialmente as grazas á banda de Silleda, pois é un gran apoio para o local. E, asimesmo, a todos e cada un dos clientes máis especiais: Miguel, Lucho, David, Jose, Javi, Camilo, Andrea, Sergio, Felipe, Eva, Constantino, Cosmin, Toni, as profes da Galiña Azul, os traballadores de Correos, os alumnos das clases de baile de Silleda, os dos negocios próximos e moitos e moitos outros que forman parte da familia do Refuxio.

Todos os grazas que poidamos dar serán poucos. Só vos podemos prometer algo: cada día, trataremos de seguir dando o mellor de nós. Grazas por os nove primeiros dos que, agardamos, sexan moitos anos xuntos!

diseno-sin-titulo

Os meus fillos cumpren anos e eu cumpro soños

Oito anos. Oito aniños de Miguel. É un día moi moi especial. Faise realidade un soño que, para min, cheguei a crer imposible: ver como os meus fillos cumpren anos. Para todas as nais, é un orgullo poder celebrar con eles cada aniversario. Pero permitídeme que eu o sinta un pouquiño máis especial: houbo moitos momentos en que non o tiven demasiado seguro.

Oito aniños son os que fai o meu pequeno. Chegou ás nosas vidas, con seu irmán, para enchelas de ledicia. Como pais, non podemos estar máis felices. Ver o seu sorriso, a súa ilusión e as súas ganas de descubrir a diario todo o que o mundo agocha é o agasallo máis especial que puidemos pedir.

Grazas!

img-20170227-wa0017img-20170227-wa0016img-20170227-wa0015img-20170227-wa0014img-20170227-wa0010img-20170227-wa0013img-20170227-wa0011img-20170227-wa0020img-20170227-wa0019

Pase o que pase, nunca deixedes de festexar

Como o era miña nai, tamén eu son unha forofa do entroido. É unha desas festas para min entrañable. Desas que sei que si ou si, irei. Os disfraces, as comparsas, a música… todo o asociado a estas datas me encanta. Pero certo é que levaba anos sen vivilo como eu quixera. Primeiro o tratamento de quimioterapia, logo as consecuencias do mesmo… sempre o celebrei, pero non do xeito que me gustaría.

Pero iso é o pasado. Porque o presente acaba de regalarme un Entroido por todo o alto. Síntome estupendamente ben de saúde e aínda que teño moito traballo estes días nada me aparta destas celebracións. Non importa que durma catro horas! Levo os nenos, vou eu e toco na charanga Os Veteranos de Merza.

Ademais, grazas á maquillaxe da miña amiga Belén, non me falta detalle! Con todo isto, quero dicirvos que pase o que pase non deixedes de facer todo aquilo que vos fai sorrir. Aquilo que vos define, o que vos fai sentir ben. En definitiva, o que vos fai vivir.

E, agora, a gozar do Entroido! Felices festas!