Para min é super importante a familia que construín durante os 23 anos que levo ao frente do Refuxio. Esta fin de semana, José Otero Pena, un cliente fiel desde os meus comezos na hostelería, deixounos. E quero facer unha homenaxe persoal a el e a toda a súa familia.
Empresario, xerente dunha imprenta, amigo, pai, avó, excelente persoa, … Non hai palabras para definir o que eras para min. Botareite moitísimo de menos. E a Isa, a túa muller, dicirlle que moito ánimo, que sei que é forte e que vai seguir loitando polos seus.
É para min un día triste e cheo de recordos e anécdotas. Otero, como lle chamaba eu, foi e será sempre alguén que loitou moito na súa vida, e que amaba o seu pobo. Alguén que tiña as súas raíces en Senín, pretiño do Refuxio, e que sempre pasaba a visitarme, e ó que tiven o pracer de poder poñerlle a súa tartiña de wishky cada vez que viña. Sei que é un momento durísimo para os seus fillos, amigos e netos, pero pídovos moita fe, e recordar todos os momentos vividos.
Eu esta noite recordei todos os libros que me regalou nestes anos para os meus pequenos. Tamén recordei todas as maquetas hermosas de paxariños que me deu, e sobre todo, recordei os momentos vividos ao largo destes 20 anos nos que me sentaba na hora café a parlotear da vida con el. Recordei o día que este último ano quedamos para ir comer… Que ben o pasamos, e que ben comemos!
Otero, deixas un vacío enorme na familia Refuxio, pero levareite sempre no recordo. Deixas unha pegada enorme aquí, e por iso esta homenaxe chea de amor, que queremos que perdure por sempre.
Vai por ti e pola gran familia que conseguiches, amigo. Un bico enorme, que sexas moi feliz aló onte estés.