O Refuxio

Miña nai, o meu mellor exemplo nas risas e nas bágoas

“Natalia, fai unha tarta”. Parece que estou escoitando a miña nai pedíndome que me metese na cociña cando, nas fins de semana, Paula e eu voltabamos á casa logo de estar toda a semana en Santiago. Teño que recoñecer que, naquel momento, non me gustaba nada estar diante dos fogóns. A miña irmá si. Naquel entón, na casa xa se servían moitas comidas.

Tiña 17 anos cando ela enfermou. Máis que unha nai, a mellor sen dúbida, foi todo un exemplo a seguir. Cociñeira pola Xunta de Galicia, atendía a taberna, coidaba das vacas da casa e aínda sacaba tempo para facernos fermosísimos vestidos. Iso sen deixar de pensar na súa familia. Moi crente, comezaba entón os tratamentos de quimioterapia. Nunca esquecerei o día no que, traballando na horta, unha das súas próteses caeu á terra e case a sacho. Si si, menudo momento aquel. A risa non nos deixou seguir coa tarefa!

Recordo ademais que, naquel intre, a perda de miña tía Pacita foi un golpe moi duro para a familia. Moi loitadora, deixounos un gran baleiro. Súa irmá, Milagros, emigrara a EE UU, onde a súa empresa de catering presta servizo para a Casablanca, entre outros espazos.

Escanear 31 Escanear 58

Por desgraza, a enfermidade afectoulle primeiro ás mamas e logo a órganos coma o pulmón. Porén, nunca en todos os anos que loitou contra o cancro deixou a súa actividade habitual. Víala de arriba para abaixo, con total enerxía e sen acougo.

Así a recordo, como un auténtico portento que tivera, en miña avoa, a mellor das mestras.

Todo parecía estable cando casei. Tiña 25 anos. Pero contaréivolo no vindeiro artigo deste blog.

 

Grazas por lerme en O meu outro refuxio!

–Leva sempre un sorriso contigo–