Na bicicleta e rodeada de nenos e nenas que, coma min, naquel momento só tiñan unha meta: sorrir. Cando volto a vista atrás, véxome así. Correndo polos camiños de Merza, con amigos e amigas aos que hoxe teño que pedirlles perdón por non ter o tempo suficiente que eles se mereceron nos últimos anos.
Foron momentos realmente felices, nos que os xogos e a música daban forma ao meu día a día. Cando miro cara o pasado, tamén me deteño noutro instante. Máis ben nun rostro. O de miña nai Maricarmen. Adorábame. E eu a ela. Recórdoa como a muller que foi, volcada no traballo e cunha capacidade de esforzo e sacrificio difícil de describir. Cantas noites, despois de deitarnos a miña irmá Paula e a min ela quedou a pé. Despois soubemos que era, puntada tras puntada, como conseguía dar forma a fermosos vestidos que hoxe conservamos. Fiaba a súa vida ao tempo que cosía, cos fortes costuras, as nosas: as súas pequenas.
Medramos ademais rodeadas de noso primo, un ser moi especial que hoxe nos coida dende o ceo. Imaxínoo con miña nai, miña tía Maripaz e miña avoa moi pretiño.
Anos máis tarde, chegou o momento de continuar os estudos. Santiago significaba para min aprender sobre música e masaxes. Nese mesmo tempo, Paula xa comezaba a interesarse pola cociña. Ao non poder matricularse para recibir a formación que ela quería e por consello de nosa nai, chegou ás aulas de enfermería. E alí, na capital galega, empezabamos unha nova vida. Na miña tiña moito espazo, por aquel entonces, a troula. Moito máis que os libros. Pero, nas fins de semana, ocupaba as horas na nosa taberna de sempre, Casa Adolfo. Fundada por meus avós facía décadas. Pero iso é unha historia para o próximo día.
Grazas por lerme!
–Leva sempre un sorriso contigo–