O Refuxio

Dez anos sen ti, mamá

13 de febreiro. Esta é unha desas datas que non se esquecen. Ese día, no ano 2007, miña nai dicíanos adeus. Facíao como mellor sabía, preocupándose ata o último instante de que fosemos felices. Lémbroa. Cada día. As súas ensinanzas camiñan comigo. Tamén cada día. Loitou segundo a segundo para darnos o mellor e para que, na súa ausencia, seguisemos adiante. A mellor homenaxe que lle podo dar é ter presentes os seus consellos, que sempre van conmigo. Vivir con ela os anos que a tiven foron o mellor dos agasallos.

Foi sempre un exemplo a seguir. Por iso, máis que coma unha nai, o meu cariño era de irmá. Cómplices. Hoxe estou máis que orgullosa de ter a nai que teño. E digo que teño porque a sinto sempre aquí, comigo. Gran veciña, amiga, muller e nai, faltan as palabras para definila.

Só quería compartir convosco o momento da súa despedida porque si, costoume moito saber que a súa ausencia era real. Sigo falando con ela, pois está comigo a cada instante. Aquel día 13, día de Entroido en Merza, dicíanos adeus durante a celebración dunha festa que ela amaba. Celsa, Divina, Álvaro, Paula e eu estabamos alí. Rezamos. Foise ao dicir amén e soubemos que a vida era iso, vivir e tamén partir. Non entendía entón o porque. Pero despois souben que confiaba en min e que, só uns días despois, chegaría Pablo.

A vida.

13427940_854823434629618_3907208132581303472_nEscanear 64escanear-42

Hoxe cumprimos dez anos de casados! Grazas por selo todo, Álvaro!

Din que os números, cando son redondos, son a excusa perfecta para fixarnos máis neles. No meu caso, cada día estou de aniversario. Pero hoxe é unha xornada aínda máis especial. Álvaro e eu cumprimos 10 anos de casados. A primeira década das moitas que agardo! E neste momento quero, unha vez máis, darlle as grazas. Todos vós sabedes a importancia que Álvaro ten na miña vida. É parte fundamental de min. A miña enfermidade fixo que estes dez anos non fosen todo o fácil que algún día imaxinamos. Houbo obstáculos. Houbos momentos duros. Pero sempre estiveches ao meu carón. O teu apoio sempre me axudou a saír adiante. Mesmo cando pensaba que xa non o conseguiría. Tódalas grazas que poida darche son poucas. Grazas, tamén, polos nosos dous pequenos, que o son todo. Recordo aquel día que hoxe celebramos, que fermoso foi. Non imaxinaba o que ía pasar pouco despois. Fun inmensamente feliz: tiña ao lado a miña nai e a miña avoa. E iso tamén quero celebralo. Que puiden compartir con elas ese momento. Hoxe, máis que nunca, celebro este día.