Tiña a gran fortuna de ter a Álvaro ao meu carón. Miña nai non estaba connosco pero seguía rodeada de persoas marabillosas. Entre eles, os nosos dous nenos, que acababan de chegar ás nosas vidas.
O tempo ía pasando e chegara Semana Santa. No restaurante a actividade era frenética. Un non parar. Un día, neste axetreo, descubrín un bulto nunha mama. Asusteime. Non me preguntedes os motivos, pero presentía o diagnóstico.
Decidín non dicir nada. Fun traballar e, en canto puiden, despraceime a Lalín para consultalo nunha clínica médica. Fun soa. Así o decidira. A miña familia acababa de pasar por unha situación xa demasiado traumática. Fixen as probas oportunas. Non tardaron en chamarme para confirmarme o meu temor: efectivamente a palabra cancro volvía ser próxima. Necesitei ir ao cemiterio, precisaba ter a miña nai máis preto.
Como ía dicilo na casa? Era o que máis me preocupaba. Comenteillo a Álvaro e tamén a Paula. Dixéronme que estivese tranquila. Pero vía que eles estaban tan preocupados coma min.
Descubriría, pouco a pouco, unha forza que nin sequera eu sabía que tiña.
Grazas por lerme en O meu outro refuxio!
–Leva sempre un sorriso contigo–