O Refuxio

O meu neno cumpre 12 anos

Adórote. So teño palabras de agradecemento á vida por darme a oportunidade de ter esta xoia de rapaz. Nunca me cansarei de dar as gracias, por terte. Que sorte experimentar o de ser nai, fai xa doce anos, a verdade e que case non me creo que Pabliño, o meu neniño cumpre xa 12 anos! A vida vai así de rápido! Quero dedicar as palabras deste blog a él, por valiente xa no momento de estar na barriguiña con todo o que tivo que pasar, por superarse no seu día a día, por ser bo compañeiro, o mellor irmán que podía ter Miguel, o mellor fillo e sobre todo moi boa persoa. Sei que vas a ser o que ti queiras na vida, pero o mais importante para os teus papás e que medres como persoa, e xa sei que eres todo un homiño! Por eso che desexo un feliz cumpreanos! Tanto eu coma o teu pai e Miguel queremoste moito! Disfruta dos teus 12 anos!

12 anos sen tí

Onte foi un día coma calquer outro pero quería dedicarllo a miña nai, a persoa mais importante da miña vida, un pilar fundamental na miña infancia e adolescencia. Hoxe quero dedicarlle unhas palabras de amor infinito e darlle as gracias por estar conmigo ata que tivo que partir, sei que dende onde está, está apoiandome e guiándome sempre polo bo camiño. Non teño palabras de agradecemento á vida por darme un anxo, Carmen que así se chamaba. Esa maravillosa nai que me deu a vida e hoxe quero facerlle un aniversario especial. E celebrar a vida, non a morte, para iso pensei en dedicarlle todo o amor do mundo a ese ser maravilloso que Deus me dou como nai. Fixo onte 12 anos que se despideu dos seus seres queridos e con gran amor hacia todos. Desexo que todo o mundo, en especial eu, poidamos ser nesta vida a metade de boa persoa que foi ela. Canta sabiduría e bos consellos me deches! Cantas ganas de vivir! Para ti nunca foi un impedimento a enfermidade! Mamá eres grande! Digo eres porque estás no meu corazón, no meu alento e nos meus sentimentos e no día a día. Sei que parte do meu logro como persoa e profesional o teño de ti por iso quero decirche que moitísimas gracias por levarme da man dende pequeniña e por estar ahí axudándome cada vez que caigo a levantarme. Por falar conmigo cada día que che pido consello. Hoxe quero facerche un pequeno homenaxe por ser a muller que fuches a fundadora do Refuxio, unha muller loitadora. Estou sen palabras, amote e lévote no meu corazón. Disfrutade que a vida e demasiado corta!

A Banda Artística de Merza no Gaiás

O sábado asistín á estrea en Galicia da Queen Symphony na que a Banda Artística de Merza e o coro vigués Gli Appassionati nos trouxeron á Cidade da Cultura a reinterpretación sinfónica dos éxitos da mítica banda inglesa, composta por Tolga Kashif. Foi todo un espectáculo! Tiña gañas de rir, chorar, foron moitas emocións xuntas. Fun membro durante 15 anos de esta maravillosa banda e o que sentín non se pode describir con palabras. Quero darlle 1.000 gracias á banda, o director e a cada un dos músicos que a compoñen porque sen eles isto non sería posible. Que sigan adiante con este proxecto maravilloso porque Merza merécese unha banda coma esta. É a mellor banda de Galicia, sen dúbida. Sobretodo en sentimentos e corazón. Hai moitas bandas moi boas en Galicia pero o que onte transmitiron na Cidade da Cultura foi único. Ata me desestresei! Hai que seguir traballando e confiando neses músicos xa que o mais importante que ten Merza é a banda. Ata nenos de 3 anos estaban coa boca aberta durante o espectáculo! O sitio era idóneo para facelo e había moitísima xente. Dende aquí quero pedirlle as administracións que axude ás bandas, que apoie á cultura para que todos poidamos medrar como persoas.

11 anos de amor

Hoxe é un dia super especial. Fai 11 anos naceu o amor das nosas vidas, Pablo. Este neniño que xa é medio homiño trouxonos tanta felicidade á nosa familia e no momento mais oportuno. Tanto Álvaro como eu por aquel entonces estábamos super contentos do seu nacemento. Pablo é un rapaz cun carácter super amable, amigo dos seus amigos, cariñoso a mais non poder. Deus doume a oportunidade de ter duas xoias e sobre todo este neniño que é o mais cariñoso. Cada noite me dí que me ama e iso é fantástico escoitalo. É super amigo de seu irmán, quérense moitísimo. Están todo o día xuntos, xogan xuntos, leen xuntos, son coma xemelos! Xemelos de alma. Son coma gotas de auga! Estou moi agradecida á vida de darme esta xoia. Tanto seu pai coma eu estamos moi orgullosos del e desexámoslle un moi feliz cumpreanos. O que queremos é que medre como persoa que é o mais importante. Felicidades Pablo!

37 anos de loita e felicidade

Hoxe é o meu cumpreanos. Hoxe fai 8 anos que me detectaron cancro. Si, era Xoves Santo e ahí comezou todo. Pero hoxe estou feliz porque celebro un ano mais de vida. Gracias á forza dos meus seres queridos seguín e seguirei loitando por todos eles. E por todos vos que sodes parte importante do meu amado Refuxio porque sen vos nada sería igual nestes 15 anos de vida. Cumpro 37 anos, 37 anos de ilusión e amor polo que fago. Nacín e crieime entre fogóns e agora consolideime formándome en Dirección de Cociña. Pero o que de verdade sinto é que medro como profesional no meu día a día. Aínda que o que mais me gusta é medrar como persoa, iso é o que mais me satisfai de todo.   Gracias por estar ahí.

11 anos en ELA. A muller que mais amei.

Hoxe, 13 de febreiro, fai 11 anos que despedimos ao ser mais amado da miña vida e non quería deixar a ocasión de dedicarlle unhas palabras fermosas por darme a vida.Nunca me cansarei de dicirlle o que a amo, e o que significa para min. Día a día está nos meus pemsamentos. O que me gustaría hoxe é contarvos algunha anécdota que vivín con ELA, sobre todo para poder axudar a esa xente que hoxe se siente sen forzas. ELA como sabedes loitou ata que decidiu partir con todo o amor do mundo e díxonos ata pronto. E iso fixo porque cada día a sinto moi preto e axudámonos nas miñas metas e no día a día. Un día coma outro calquera dixome: “imos por unhas leitugas Natalia? E dixenlle: vale mamá! Deus, canto amo esa palabra MAMÁ e canto voto de menos poder dicila. Disfrutade das cousas, dígovolo dende o corazón…Pois como vos dicía esa mañá fomos ata a finca despois de poñer as primeiras leitugas e douse conta que se lle escapara unha prótesis do peito e que sen querer lle dera ca sacha, si coa sacha de por as leitugas. Deus! Miramos unha para a outra e tivemos que deitarnos na finca con dor de barriga das risas que nos pegamos, así e como ELA vía esa enfermidade. Por iso hoxe necesito dicirvos que tentedes do malo, sempre quitar algo positivo. Hoxe como cada día fagoche honra de ser como eres mamá. Gracias por axudarme a ser cada día mellor. Amote dende a Terra e sei que ti me amas dende o ceo.

Un viva para o home mais loitador que coñezo

Hoxe é un día especial para o meu abuelo e non quería deixar pasar o día sen dedicarlle unhas fermosas palabras, aínda que sempre me vou quedar corta en palabras. É unha persoa super loitadora e traballadora que a vida lle puxo moitos obstáculos e que cos seus 88 anos recén cumpridos vive no Refuxio xa que foi o seu creador. El e a miña avoa fundaron O Refuxio. É moi loitador. Chegou a mercar o coitelo e o tenedor para poder comer que non tiña nada e con traballo e sacrificio foi adiante. Tivo grandes compañeiras na vida, que foron a miña avoa Piedad e a miña nai que sempre estiveron ao seu carón. Iso foi unha axuda para que el puidese medrar. Hoxe segue coa mesma vitalidade, segue levándome as tapas a Silleda cada día, segue con esa ansia de pelar un saco de patacas, mellor un enteiro que unha metade, segue coa ansia de darlle aos animais, de coidar a horta, de levarlle a comida todos os días a unha persoa que se lle reparte dende o catering e él quere levarlla; e iso que el ten 88 e a señora 90 anos. Pero síntese capaz de levarlla todos os días. Persoas coma el son as que me fan darme conta todos os días de que hai que seguir adiante e loitar. Quero darlle as gracias por estar conmigo, por estar connosco e sobre todo por axudar a medrar esta empresa. Vivan os teus 88 anos! Espero que o celebres como te mereces!

Once anos. Once anos de felicidade.

Día trece de xaneiro , fai 11 anos si, once anos que a esta hora estaba na perruquería poñéndome guapísima para chegar ao altar e dar o si quero a Álvaro. Deus como pasa o tempo! A verdade e que non nos damos conta do rápido que pasa esta vida ou creo que non nos damos conta ata que recordamos con nostalxia parte das nosas experiencias anteriores. Teño que dar as gracias infinitas a poder cada ano recordar o anterior. Ese día foi fermoso. Casamos en Merza, neste fermosísimo lugar que a verdade naquel entonces non sabía que iba ser onde afincaríamos as nosas raices. Por aquel entonces tiñamos en mente formar unha familia que xa estaba dando o seu fruto na miña barriguiña. Si, Pablo xa nos acompañou a esa fermosa ceremonia. Creo que o destino xa nos deparaba quedarnos en Merza. A semana anterior á voda estreamos un piso en Silleda pero o destino fixo que acabáramos en Merza Amo este pobo! Como vos dicía ese día foi fermoso. 345 persoas nos acompañaron no acontecemento, un día súper especial onde casaba unha rapaza que amaba todo. Que realmente era moi inxénua que non sabía que a vida tiña deparado para ela moitísimas cousas e que de cada unha delas iba a quitar unha ensinanza. Ó seu caron estaba Álvaro, super festeiro e super formal á sua vez. Moi amigo dos seus amigos, que día a día na sua compañía fomos coñecéndonos e intentando correxir cada un de nos o que nos molestaba do outro. O amor verdadeiro é o que pasa obstáculos e os vas superando como se fose unha partida de axedrez, este é o amor verdadeiro porque todos sabedes que a vida, como din os nosos maiores, non é de cor de rosa. Pero o que pretendo transmitirvos eu é que fagamos a nosa vida o mais de cor rosa posible, algúns consellos que me permito darvos coa intención de poder axudar. E que os malos momentos van e veñen pero hai que intentar tomalo coma esa peza de axedrez que falamos onde cae a dama e na seguinte partida xa está levantada. Cada mañan intentade despertar co amor mais infinito a todo o que fagades: ó traballo, os nosos veciños (aínda que algunhas circunstancias sexan difíciles ou non te fales con algún ti desexalle o mellor, o teu corazón agradeceracho), á tua familia , os teus inimigos, etc..En definitiva, rodeádevos da vosa xente mais querida. Agora a miña sensación de cada día é que o día me pasa moi pronto e que quero disfrutar de tantas cousas que pola mañan escribo na axenda esto, mais esto, mais esto… e chega unha hora e digo Deus! xa pasou o día! Pero quédome que co que fixen, fixeno cun amor infinito, é o que non me dou tempo na miña vida laboral queda para mañan. Polo que o regalo que mais ilusión sei que lle fai a Álvaro é o meu tempo. Non é un agasallo que me coste cartos, nin teño que andar a correr buscando, a verdade levoume case 11 anos descubrilo, que este home o que quere é tempo ca sua muller e a sua familia. Iso che vou a dar, tempo. Gracias por darme ti estos fermosos 11 anos e ensinarme que o tempo é gratis que non teño que traballar mais horas que da o reloxo, que menos é mais, que ter tempo é poder xestionar mellor todo e con mais cabeza. Por iso e porque te quero douche moitísimos parabens e un enorme abrazo de amor infinito.

Un ano dun gran alquilado

Hoxe fai mais dun ano que teño este fermoso local alquilado a unha xente maravillosa, concretamente a Mohsan que rexenta o Madina Doner Kebab de Silleda. Por iso quero desexarlle dende aquí “feliz cumple de alquiler” e espero que celebremos moitos mais xuntos. A verdade e que tiven a sorte de coñecer xente cunha cultura e un pensamento moi diferente ao noso pero dinme conta que cuns sentimentos e corazón fermosísimos. O final, somos todos iguais. A decoración do local foi obra miña e foi feito con moita ilusión. Durante 8 meses traballámolo como un Gastrobar pero o cansancio non me permitía dedicarme ao Refuxio de Merza polo que decidín alquilalo. A verdade e que chegaron varios candidatos pero ningún me despertou esa enerxía positiva coma Mohsan. É a bondade en persoa. O final sorprendeste da xente que atopas pola vida e que  se acaban convertindo en amigos sexan de onde sexan.  

Cada día coma hoxe, dou as gracias por estar aquí

Hoxe, sendo o Día Internacional do Cáncer do Mama quero aproveitar para escribir unhas palabras nesta plataforma que tanto me axudou persoalmente. Teño chorado moito, sobre todo cando acabo de escribir e recordo con nostalxia a cada un dos seres queridos que xa non me acompañan no meu día a día pero sei que dende onde están me dan todas as súas forzas para ser mellor persoa. Para loitar polos que me rodean. Hoxe quero transmitirvos a todos que intentedes ser felices o máximo tempo posible, que a vida é demasiado curta e que deixemos de pensar en facernos dano a nos mesmos gastando enerxía que non sexa positiva. ¡Quero que sexades felices! Amando a vida, aos vosos fillos, irmáns, familia, amigos e veciños. Por suposto que todo o que vivimos na vida non é sinxelo, que me ides contar a min que pasei dous cancros. Por iso vos pido dende o mais sincero amor que lle poñades un sorriso á vida. Que teñades metas e intentedes conseguilas. Unha persoa con cáncer sabe do que lle falo cando os días de quimioterapia se converten nun dos peores da túa vida. Non hai palabras para describir o que un sente e sobre todo as consecuencias que nos quedan de por vida. Cada día que me levanto da cama digo “veña Natalia a traballar, intentao con todas as forzas e da o máximo de ti”. O día que teño que quedar na casa por dor de osos, aínda me doe mais non ir a traballar que a dor que teño no corpo (que queredes, gústame traballar). Non pretendo ser un exemplo pero si me gustaría que tomarades a mesma actitude para que cada día sexades mais e mais felices. Con esforzo, sacrifico e esperanza se pode conseguir. Cada ano que pasa e cada día coma hoxe, dou as gracias por estar aquí convosco. Agora mesmo son moi feliz. Gracias por seguirme.