O Refuxio

Foi posible pese a todo e grazas a todo

Foi posible. Foron posibles todos os meus proxectos. Pese a todo e grazas a todo. Formada en dirección de cociña, o meu soño é agora poder ensinar a outros nun futuro. Mentres, disfruto o meu día a día. Con estes relatos só pretendo tratar de axudar, se é posible, a calquera persoa que poida atoparse nunha situación similar. Aprendín que é moi certo que a vida son catro días e que hai que disfrutala. Miña avoa morreu fai moi pouco, foi outro golpe duro. Pero deixoume tantas ensinanzas que me vexo capaz de afrontar o que me toque vivir. Neste momento quero traballar para vivir pero non só vivir traballando. Ter tempo para os meus e especialmente para os meus nenos. Tamén para min mesma e para todos aos que dalgún xeito podo apoiar. Por esta razón, con total humildade quero dicirvos que me atoparedes sempre no Refuxio. No teléfono. Onde precisedes. Oxalá a miña experiencia sirva de axuda. Acabo, como non podía ser doutro xeito, cun GRAZAS maiúsculo a todos e cada un dos que estivestes preto. Á miña plantilla, que comezou conmigo e seguimos xuntos. Quérevos, como xa sabedes. Tamén a Daniela e Yanina, que no seu momento tanto me axudaron ao bo rumbo da empresa. Carmen, Celsa e Cecilia, estou sen palabras. Aos meus sogros, por estarme esperando coa comida feita. Con esa sopiña que moitas veces fun incapaz de tomar pero que tanto vos agradezo. Á miña casa, por ser un gran fogar. A todo o meu pobo. A cada amigo e cliente, polo día a día. A miña irmá, por ser ela. Aos meus nenos, por ser a miña forza. E, especialmente, ao meu home. Álvaro, non sei contar as veces que fomos a Pamplona. A cidade foi a miña segunda casa durante cinco anos. A nosa casa. Hoxe, máis que nunca, Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

Permitinme vivir e que o cancro fose unha forza, nunca un impedimento

Co descubrimento deste xen, souben con toda seguridade que o cancro me afectaría á outra mama e tamén aos ovarios. Logo dun duro proceso de quimioterapia, fun intervida quirúrxicamente e, de modo preventivo, decidimos extirpar a segunda mama. Estaba decidida a facelo cando me diagnosticaron cancro no outro peito. Voltaba comezar todo. Debería pasar polo tratamento de quimioterapia antes de nada. Ía e viña de Pamplona cada oito ou dez días. En todo este proceso, o meu día a día no Refuxio non se viu afectado. Ata sorrimos nas consultas cando eu pedía planificar as citas en función do traballo que prevía ter no restaurante! O Refuxio era, sen dúbida, o meu outro Refuxio. Ao mesmo tempo, funme incorporando máis á cociña. Sumeime a diversos cursos en Madrid, Portugal ou na escola de hostalería galega. Descubrín que padecer cancro non era motivo para pausar a miña vida. Para dicir adeus a moitos proxectos. Para deixar de vivir. Eu non o fixen e penso que foi un dos meus maiores acertos. Permitinme vivir, permitinme disfrutar da miña familia e acompañar aos meus nenos a ducias de actividades. Mesmo con perruca, quixen verme guapa e que o cancro fose unha forza, nunca un impedimento. De vez en cando, foi duro poder seguir con normalidade. Lembro o día da boda de Pedro e Isabel, canto me custou estar presente! Pero canto ben me fixo participar da felicidade de dous grandes amigos! Sentía medo, non vos vou enganar. A posibilidade dun cancro de ovarios era moi grande. En moitas ocasións, escoitei cousas que me fixeron dano. Lembro un día. Nunha cerimonia. Unha señora falaba con outra dicindo algo así como “mira esa nena, seica está morrendo”. Achegueime e pregunteilles que tal estaban. Dixeron que ben. Preguntaron por min e respondín: “mellor que nunca”. Aos cinco minutos estaba vomitando pero ninguén se percatou, volvín á cerimonia coma se nada. Padecer ese cancro de ovarios era o meu gran temor. Xa atendida por especialistas en Santiago de Compostela, fíxenos partícipes de como este medo me estaba a afectar. Co tempo, conseguiría realizar a intervención indicada para eliminar esta posibilidade. Na actualidade, sométome ás probas pertinentes cada tres meses. Sigo as recomendacións médicas. Pero VIVO. Cando boto a vista atrás, son consciente de que este proceso de enfermidade non significou en min unha pausa. En ningún sentido e tampouco no laboral. De feito, estou convencida de que manterme ocupada me axudou como ningunha outra cousa o podía facer. Neste tempo, seguín adiante co restaurante, formeime, abrín a cervexería en Silleda e puxen en marcha o noso servizo de catering. E foi posible. Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

A quimioterapia é vida, nunha esquecerei estas catro palabras

Álvaro e eu decidimos pedir unha segunda opinión. En momentos coma este, sempre tés a esperanza de que houbese un erro, unha posibilidade de recuperar a normalidade previa a unha nova así. No noso caso, chamei ao hospital universitario de Pamplona. Déronme cita para o día seguinte. Despois de comer, collemos o coche. Explicámoslle entón o que estaba pasando a meu pai e a miña sogra. Durmimos xa na cidade. Non imaxinaba que faría o camiño de volta co tratamento de quimioterapia iniciado. Tendo en conta os antecedentes familiares e a situación, tiña que ser así. “A quimitorapia é vida”, nunca esquecerei estas poucas palabras que recollen unha verdade tan grande. É certo que no momento do tratamento precisas moita axuda. Durante catro días non era quen nin de saír da cama. Ata a comer me tiñan que axudar! É un pesadelo, pero un pesadelo que nos da vida. Recoñezo que tiven que chorar. Moito. Quizais todo o que non choraría despois. Álvaro tivo moito apoio no seu traballo, sempre lle deron a oportunidade de acompañarme. Neste proceso, realizáronme uns estudos xenéticos que descubrirían que un xen –recordaredes o caso de Angelina Jolie- estaba a causar esta situación. As alarmas saltaron. Asusteime por Paula e miña prima irmá! Afortunadamente, este xen non estaba tan repartido.   Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–