O Refuxio

Foi posible pese a todo e grazas a todo

Foi posible. Foron posibles todos os meus proxectos. Pese a todo e grazas a todo. Formada en dirección de cociña, o meu soño é agora poder ensinar a outros nun futuro. Mentres, disfruto o meu día a día. Con estes relatos só pretendo tratar de axudar, se é posible, a calquera persoa que poida atoparse nunha situación similar. Aprendín que é moi certo que a vida son catro días e que hai que disfrutala. Miña avoa morreu fai moi pouco, foi outro golpe duro. Pero deixoume tantas ensinanzas que me vexo capaz de afrontar o que me toque vivir. Neste momento quero traballar para vivir pero non só vivir traballando. Ter tempo para os meus e especialmente para os meus nenos. Tamén para min mesma e para todos aos que dalgún xeito podo apoiar. Por esta razón, con total humildade quero dicirvos que me atoparedes sempre no Refuxio. No teléfono. Onde precisedes. Oxalá a miña experiencia sirva de axuda. Acabo, como non podía ser doutro xeito, cun GRAZAS maiúsculo a todos e cada un dos que estivestes preto. Á miña plantilla, que comezou conmigo e seguimos xuntos. Quérevos, como xa sabedes. Tamén a Daniela e Yanina, que no seu momento tanto me axudaron ao bo rumbo da empresa. Carmen, Celsa e Cecilia, estou sen palabras. Aos meus sogros, por estarme esperando coa comida feita. Con esa sopiña que moitas veces fun incapaz de tomar pero que tanto vos agradezo. Á miña casa, por ser un gran fogar. A todo o meu pobo. A cada amigo e cliente, polo día a día. A miña irmá, por ser ela. Aos meus nenos, por ser a miña forza. E, especialmente, ao meu home. Álvaro, non sei contar as veces que fomos a Pamplona. A cidade foi a miña segunda casa durante cinco anos. A nosa casa. Hoxe, máis que nunca, Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

Permitinme vivir e que o cancro fose unha forza, nunca un impedimento

Co descubrimento deste xen, souben con toda seguridade que o cancro me afectaría á outra mama e tamén aos ovarios. Logo dun duro proceso de quimioterapia, fun intervida quirúrxicamente e, de modo preventivo, decidimos extirpar a segunda mama. Estaba decidida a facelo cando me diagnosticaron cancro no outro peito. Voltaba comezar todo. Debería pasar polo tratamento de quimioterapia antes de nada. Ía e viña de Pamplona cada oito ou dez días. En todo este proceso, o meu día a día no Refuxio non se viu afectado. Ata sorrimos nas consultas cando eu pedía planificar as citas en función do traballo que prevía ter no restaurante! O Refuxio era, sen dúbida, o meu outro Refuxio. Ao mesmo tempo, funme incorporando máis á cociña. Sumeime a diversos cursos en Madrid, Portugal ou na escola de hostalería galega. Descubrín que padecer cancro non era motivo para pausar a miña vida. Para dicir adeus a moitos proxectos. Para deixar de vivir. Eu non o fixen e penso que foi un dos meus maiores acertos. Permitinme vivir, permitinme disfrutar da miña familia e acompañar aos meus nenos a ducias de actividades. Mesmo con perruca, quixen verme guapa e que o cancro fose unha forza, nunca un impedimento. De vez en cando, foi duro poder seguir con normalidade. Lembro o día da boda de Pedro e Isabel, canto me custou estar presente! Pero canto ben me fixo participar da felicidade de dous grandes amigos! Sentía medo, non vos vou enganar. A posibilidade dun cancro de ovarios era moi grande. En moitas ocasións, escoitei cousas que me fixeron dano. Lembro un día. Nunha cerimonia. Unha señora falaba con outra dicindo algo así como “mira esa nena, seica está morrendo”. Achegueime e pregunteilles que tal estaban. Dixeron que ben. Preguntaron por min e respondín: “mellor que nunca”. Aos cinco minutos estaba vomitando pero ninguén se percatou, volvín á cerimonia coma se nada. Padecer ese cancro de ovarios era o meu gran temor. Xa atendida por especialistas en Santiago de Compostela, fíxenos partícipes de como este medo me estaba a afectar. Co tempo, conseguiría realizar a intervención indicada para eliminar esta posibilidade. Na actualidade, sométome ás probas pertinentes cada tres meses. Sigo as recomendacións médicas. Pero VIVO. Cando boto a vista atrás, son consciente de que este proceso de enfermidade non significou en min unha pausa. En ningún sentido e tampouco no laboral. De feito, estou convencida de que manterme ocupada me axudou como ningunha outra cousa o podía facer. Neste tempo, seguín adiante co restaurante, formeime, abrín a cervexería en Silleda e puxen en marcha o noso servizo de catering. E foi posible. Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

A quimioterapia é vida, nunha esquecerei estas catro palabras

Álvaro e eu decidimos pedir unha segunda opinión. En momentos coma este, sempre tés a esperanza de que houbese un erro, unha posibilidade de recuperar a normalidade previa a unha nova así. No noso caso, chamei ao hospital universitario de Pamplona. Déronme cita para o día seguinte. Despois de comer, collemos o coche. Explicámoslle entón o que estaba pasando a meu pai e a miña sogra. Durmimos xa na cidade. Non imaxinaba que faría o camiño de volta co tratamento de quimioterapia iniciado. Tendo en conta os antecedentes familiares e a situación, tiña que ser así. “A quimitorapia é vida”, nunca esquecerei estas poucas palabras que recollen unha verdade tan grande. É certo que no momento do tratamento precisas moita axuda. Durante catro días non era quen nin de saír da cama. Ata a comer me tiñan que axudar! É un pesadelo, pero un pesadelo que nos da vida. Recoñezo que tiven que chorar. Moito. Quizais todo o que non choraría despois. Álvaro tivo moito apoio no seu traballo, sempre lle deron a oportunidade de acompañarme. Neste proceso, realizáronme uns estudos xenéticos que descubrirían que un xen –recordaredes o caso de Angelina Jolie- estaba a causar esta situación. As alarmas saltaron. Asusteime por Paula e miña prima irmá! Afortunadamente, este xen non estaba tan repartido.   Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

Foi en Semana Santa. Diagnosticáronme cancro.

Tiña a gran fortuna de ter a Álvaro ao meu carón. Miña nai non estaba connosco pero seguía rodeada de persoas marabillosas. Entre eles, os nosos dous nenos, que acababan de chegar ás nosas vidas. O tempo ía pasando e chegara Semana Santa. No restaurante a actividade era frenética. Un non parar. Un día, neste axetreo, descubrín un bulto nunha mama. Asusteime. Non me preguntedes os motivos, pero presentía o diagnóstico. Decidín non dicir nada. Fun traballar e, en canto puiden, despraceime a Lalín para consultalo nunha clínica médica. Fun soa. Así o decidira. A miña familia acababa de pasar por unha situación xa demasiado traumática. Fixen as probas oportunas. Non tardaron en chamarme para confirmarme o meu temor: efectivamente a palabra cancro volvía ser próxima. Necesitei ir ao cemiterio, precisaba ter a miña nai máis preto. Como ía dicilo na casa? Era o que máis me preocupaba. Comenteillo a Álvaro e tamén a Paula. Dixéronme que estivese tranquila. Pero vía que eles estaban tan preocupados coma min. Descubriría, pouco a pouco, unha forza que nin sequera eu sabía que tiña.   Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

Cando pensabamos que xa non quedaban sorrisos, cantos apareceron!

Vía entón a Carmen e a Cecilia traballar sen parar no Refuxio. Xunto con Celsa, foron unha gran bendición para a nosa familia. E neste momento, o meu neno foi, coma todos, unha ledicia para toda a casa. Cando pensabamos que xa non quedaban sorrisos, cantos apareceron! Pasado un tempo, quixen que Pablo tivese un irmán. Miguel chegaría ás nosas vidas 21 meses despois do seu nacemento. En todo este tempo, seguín coa miña actividade habitual no restaurante. Afortunadamente, as cousas ían cada vez mellor. Descubrín que si, que a cociña si me gustaba. E recordei a miña nai e o seu: “Natalia, fai unha tarta”! Teño que recoñecer que, de sempre, tiven don de xentes. É algo que non me causa esforzo ningún. Con 25 anos, Paula deixou O Refuxio para seguir outros camiños laborais. E si, boteina moito de menos. Miña irmá é un piar fundamental para min, como xa sabedes. Tiña 26 anos cando naceu Miguel. Pouco despois, comezaría unha nova etapa da miña vida. Unha etapa coa que non contaba e que vos relatarei o próximo día.   Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

Que fago? Como sigo adiante? Precisaba respostas

Que fago? Isto foi o que preguntei no momento de perder a miña nai. Como vos dicía, naquel entón estaba embarazada de seis meses. Abriramos O Refuxio facía un tempo. Con moita ilusión. Pero iso ocuparanos un pouco máis adiante. Naquel momento, só pechei as súas portas un día. Meus avós, meu pai, miña irmá, o meu home e tamén o meu neno necesitábanme. Aí tiña a resposta . Tiña que seguir adiante, como miña nai me pedira. Non vos vou enganar. Non foi nada sinxelo. Aos poucos días tiven que ingresar no hospital. Parece que o parto quería adiantarse. Recomendáronme reposo absoluto. Pero non o cumprín. Case traballei máis que nunca. Tanto que tiveron que provocarme o parto e acabei precisando unha cesárea. No mes que estiven convalecente, O Refuxio comezaba xa a converterse en O Meu Outro Refuxio.   Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

A vida é demasiado curta para desperdiciar un sorriso

Xa non nos quedou tempo de disfrutar. De ter momentos para compartir. De estar xuntos. Con moita dor, miña nai foise deteriorando día a día. Casei un 13 de xaneiro. Estaba embarazada de seis meses. Un mes despois miña nai marchaba. O próximo 13 de febreiro fará dez anos. Son episodios coma estes os que nos cambian o xeito de ver a vida. Tres días antes de dicirnos adeus para sempre, miña nai despertou para pedirnos que seguiramos adiante. Quixo entón, como persoa crente que era, ver ao párroco. Tamén reuniu aos tíos e aos avós para pedirnos que a familia estivera unida, que disfrutaramos moito. Celsa, unha segunda nai para min, a miña sogra Divina, Paula e máis eu estábamos ali, escoitando dos seus beizos un último desexo: que VIVIRAMOS. En maiúsculas. E que nunca nos faltase o sorriso. Sabía moi ben do que falaba. Neses instantes, só se arrepentiu dunha cousa: de non ter pasado máis tempo connosco. Pediunos que rezasemos o “Padrenuestro” e, no momento de dicir “amén”, marchou. Seguindo o seu consello, no enterro, Paula, Celsa e máis eu tiñamos ganas de rir. De rir para cumprir a súa última vontade. Porque acababamos de entender que era certo, moi certo, que a vida é demasiado curta para desperdiciar tantos momentos nos que podemos sorrir.   Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

Unha voda, unha lúa de mel e unha nova que ninguén agardaba

“Todo parecía estable cando casei. Tiña 25 anos”. Así remataba o artigo anterior deste O meu outro refuxio. Como imaxinades, o da miña voda foi un día realmente feliz. Álvaro e eu dabámonos o si quero logo dun tempo de noivado case segredo porque eramos veciños e todos nos coñecían. As últimas analíticas de miña nai foran antes do verán e, aparentemente, todo ía ben. Naquel momento xa fixera os meus cursos de masaxes e comezara a traballar no balneario con 20 anos, para abrir despois con miña irma unha cervexería que se convertiría nun éxito. Para saber se realmente me gustaba a hostalería, estiven un tempo no Hotel Katiuska. E descubrín que si. Cecilia, Paula e máis eu impulsábamos así O Refuxio, en Merza. Non sabía, entón, que era precisamente o meu amado Refuxio o que se ía converter no meu outro refuxio. Pero nada tería sido posible sen a axuda continua de moitas persoas: por suposto de miña avoa e de toda a miña familia -en especial da miña irmá Paula, fundamental no meu día a día-, de Celsa -unha segunda nai para min e unha irmá para miña nai- pero tamén de amigos que, mesmo estando lonxe, sempre estiveron preto, como é o caso de Silvia Martín. Como vos dicía, parecía que miña nai evolucionaba ben. Custoulle moito compartir connosco o día da nosa voda. Estaba moi cansa. Pero aínda así díxome que marchase, que me fose de lúa de mel. E así fixen. Non podía imaxinar, naquel intre, que á volta me agardaba unha mala nova. Paula confirmaríame que a nosa nai lle quedaba tan só unha semana de vida. Como afrontar esta situación? Cada quen ten o seu xeito de facer fronte ás adversidades. Eu recordo que precisei camiñar soa, alomenos dez horas, para comezar a asimilar. Sería ela, novamente, a miña imparable nai, a que mesmo nese momento volvería darme unha nova lección de vida. Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

Miña nai, o meu mellor exemplo nas risas e nas bágoas

“Natalia, fai unha tarta”. Parece que estou escoitando a miña nai pedíndome que me metese na cociña cando, nas fins de semana, Paula e eu voltabamos á casa logo de estar toda a semana en Santiago. Teño que recoñecer que, naquel momento, non me gustaba nada estar diante dos fogóns. A miña irmá si. Naquel entón, na casa xa se servían moitas comidas. Tiña 17 anos cando ela enfermou. Máis que unha nai, a mellor sen dúbida, foi todo un exemplo a seguir. Cociñeira pola Xunta de Galicia, atendía a taberna, coidaba das vacas da casa e aínda sacaba tempo para facernos fermosísimos vestidos. Iso sen deixar de pensar na súa familia. Moi crente, comezaba entón os tratamentos de quimioterapia. Nunca esquecerei o día no que, traballando na horta, unha das súas próteses caeu á terra e case a sacho. Si si, menudo momento aquel. A risa non nos deixou seguir coa tarefa! Recordo ademais que, naquel intre, a perda de miña tía Pacita foi un golpe moi duro para a familia. Moi loitadora, deixounos un gran baleiro. Súa irmá, Milagros, emigrara a EE UU, onde a súa empresa de catering presta servizo para a Casablanca, entre outros espazos. Por desgraza, a enfermidade afectoulle primeiro ás mamas e logo a órganos coma o pulmón. Porén, nunca en todos os anos que loitou contra o cancro deixou a súa actividade habitual. Víala de arriba para abaixo, con total enerxía e sen acougo. Así a recordo, como un auténtico portento que tivera, en miña avoa, a mellor das mestras. Todo parecía estable cando casei. Tiña 25 anos. Pero contaréivolo no vindeiro artigo deste blog.   Grazas por lerme en O meu outro refuxio! –Leva sempre un sorriso contigo–

Unha infancia entre puntadas en Casa Adolfo, xerme do Refuxio

Na bicicleta e rodeada de nenos e nenas que, coma min, naquel momento só tiñan unha meta: sorrir. Cando volto a vista atrás, véxome así. Correndo polos camiños de Merza, con amigos e amigas aos que hoxe teño que pedirlles perdón por non ter o tempo suficiente que eles se mereceron nos últimos anos. Foron momentos realmente felices, nos que os xogos e a música daban forma ao meu día a día. Cando miro cara o pasado, tamén me deteño noutro instante. Máis ben nun rostro. O de miña nai Maricarmen. Adorábame. E eu a ela. Recórdoa como a muller que foi, volcada no traballo e cunha capacidade de esforzo e sacrificio difícil de describir. Cantas noites, despois de deitarnos a miña irmá Paula e a min ela quedou a pé. Despois soubemos que era, puntada tras puntada, como conseguía dar forma a fermosos vestidos que hoxe conservamos. Fiaba a súa vida ao tempo que cosía, cos fortes costuras, as nosas: as súas pequenas. Medramos ademais rodeadas de noso primo, un ser moi especial que hoxe nos coida dende o ceo. Imaxínoo con miña nai, miña tía Maripaz e miña avoa moi pretiño. Anos máis tarde, chegou o momento de continuar os estudos. Santiago significaba para min aprender sobre música e masaxes. Nese mesmo tempo, Paula xa comezaba a interesarse pola cociña. Ao non poder matricularse para recibir a formación que ela quería e por consello de nosa nai, chegou ás aulas de enfermería. E alí, na capital galega, empezabamos unha nova vida. Na miña tiña moito espazo, por aquel entonces, a troula. Moito máis que os libros. Pero, nas fins de semana, ocupaba as horas na nosa taberna de sempre, Casa Adolfo. Fundada por meus avós facía décadas. Pero iso é unha historia para o próximo día. Grazas por lerme! –Leva sempre un sorriso contigo–